Wedo

“Hai un galego na lúa”

0 Wedo 1024x575

A peza muralística de Wedo ten un significado moi literal, xa que pretende evocar no espectador esa sensación de morriña, acompañado da retranca galega -a dunha vaca-, ben mantidiña, pacendo pedras. Unha metáfora que nos tempos que corren, fainos reflexionar sobre a sociedade actual, coa falsa saciedade coa que nos conformamos e desfrutamos.

Traballar in situ, sen apenas referencias fotográficas, fixo que o deseño orixinal de Wedo, sempre estivese aberto a sufrir cambios, e terminase sendo moi distinto do bosquexo inicial. Sen esperalo, a historia do lugar, cobrou vida no muro. Resulta, que no solar do mural, houbo moitos anos antes a típica casa galega, co cortello dos animais na planta baixa e a vivenda na parte superior, e incluso durante o século XX foi unha carnicería. O autor valorou que esas fermosas historias ben se merecían unha homenaxe, e que a vaca rubia galega volvese a pacer neses lares.

E como as casualidades sempre son poucas, veu sendo que os propietarios do muro, tiñan vínculos familiares co artista. Isto é o que ten ser dun pobo, nunca sabes onde paran as túas raíces familiares.

Edgar Goás Blanco, alias Wedo, é un artista pontés emigrado en Barcelona, que desprende talento e humanidade a partes iguais. A súa sensibilidade exprésase nos temas escollidos nas súas obras como: a situación do medioambiente, a sociedade de consumo ou a diversidade cultural.

A súa humildade e creatividade tamén son palpables cando lle pedimos que nos presente a súa peza e a el mesmo:

“En canto á peza, foi o muro horizontal o que impuxo tanto a idea como a composición, así como as veciñas e veciños que pasaban por diante del contando a historia da casa que ocupara anteriormente aquel solar. A idea de partida centrábase nos galegos que andan lonxe da casa, aínda que estean tan só a mil quilómetros parécenos un mundo”.

“E eu, pois son un humano do ano 1990 que aínda non aprendeu a falar e nunha continua procura da linguaxe que descoñece. O proceso, os materiais, o espazo, a luz… O medo, a rabia, as inxustizas, a felicidade, os recordos… Todo se mestura, se moldea e se fusiona”.

A peza está na Avenida de Galicia, no número 48. Ver ubicación

Scroll ao inicio