Wedo
“García Rodríguez de As Pontes”

O 30 de setembro do ano 1371, trala guerra civil acontecida entre Henrique II e o seu medio irmán Pedro I (O Cruel), o cabaleiro García Rodríguez de Valcarce e Balboa convértese no señor da vila de As Pontes, como recompensa do rei Henrique II de Trastámara polos seus servizos prestados no conflito fratricida. Dende entón, as terras que lle foron cedidas chamadas ata ese momento Pontes de Ume (ou Eume) pasaron a denominarse As Pontes de García Rodríguez, un topónimo oficial e indisociable que chegou á actualidade.
García Rodríguez era fillo de Juan Freire de Andrade e Constancia García de Valcárce; viña de familias con poder, unidos a terras, señoríos, mosteiros e castelos -no de Moeche actualmente aínda se pode ver o seu escudo de armas-. O seu avó paterno era Nuno Freire de Andrade -irmán do primeiro señor de Pontedeume, Fernán Pérez de Andrade-. O materno, co que compartía nome, foi meiriño -unha especie de xuíz da época-, Adiantado Maior do Reino de Galicia, un representante do rei que concentraba poderes, e Cabaleiro da Orde de Santiago.
Tiveron que pasar 649 anos, para que o muralista pontés Wedo Goás retratase por primeira vez na Historia, a imaxe de tan ilustre cabaleiro medieval, e que mellor lugar que na fachada dun edificio localizada á entrada do seu pobo natal, deixando tamén constancia da cesión do señorío medieval no muro situado ao seu carón.
Para o deseño e realización desta PEZA mural, non se contaba con imaxes do guerreiro a retratar, polo que, tras investigar como era a estética da época, realizouse un casting para atopar un modelo da zona que lle puxese rostro ao inmortal García Rodríguez. Durante a busca do modelo, contouse tamén cunha armadura réplica da época, o que fixo máis realista a realización do deseño.
Trala súa intervención “Hai un galego na lúa” na Avda. de Galicia na que non deixou indiferente a ninguén, Wedo volve á súa vila con un encargo moi especial, o de retratar unha figura da nosa historia que moitas persoas descoñecen, pero que, despois desta intervención artística, seguro non esquece ninguén.
Wedo comentaba nunha entrevista:
«Levabamos tempo falando da posibilidade de pintar a García Rodríguez nunha parede céntrica e foi un reto porque non se sabía nada del fisicamente e hai poucos documentos. »
«Volver participar para min é moito, o outro foi dos primeiros que fixen e foi o que me levou a meterme de cabeza no mundo do muralismo.»
Esta peza está situada na Avenida de Galicia, 96. Ver ubicación
+ info:











