Sergio Picos / Comeluz
“O camiño dos arrieiros”

Antes da aparición dos modernos vehículos de transporte, o gremio dos arrieiros era quen se dedicaba ao traslado de mercancías dunhas zonas a outras. Fundamentalmente empregaban mulas, xa que eran animais fortes que podían camiñar largos percorridos practicamente por calquera terreo. Ademais, tiñan unha serie de rutas establecidas que utilizaban habitualmente cando se desprazaban dun punto a outro.
Na nosa zona, existía unha das rutas máis milenarias que comunicaba o interior e a costa, conectando a vila das Pontes e o Porto de Bares, e atravesando os municipios das Pontes, Ortigueira e Mañón polos cumios das Serras da Faladoira e Coriscada.
Esta importante ruta, coñecida popularmente como o “Camiño dos Arrieiros” ten un percorrido duns 50 quilómetros, discorrendo entre unhas 80 mámoas ou enterramentos megalíticos, polo que se deduce que cumprían un papel moi relevante nas relacións entre a costa e o interior, concentrando o tránsito de mercancías nos meses do ano de menor chuvia e frío.
Actualmente, esta ruta histórica atópase en proceso de valorización e sinalización para facer accesible o seu traxecto e convertela nunha senda homologada para a práctica do sendeirismo. E que mellor forma de viaxar polo tempo, que camiñar por unha senda con tanta historia.
O encargado de revivir o gremio dos arrieiros foi o artista local Sergio Picos (Comeluz). A súa PEZA retrata o traballo que realizaron durante tantos anos estes antigos transportistas, nunha obra que supera dimensións, prolongándose pola beirarrúa na que se atopa o mural.
Durante a súa realización, foron varios os veciños e veciñas que lle contaban a Sergio como o camiño que seguían os arrieiros pasaba practicamente ao lado da súa representación mural. Como as coincidencias nunca son poucas, unha das veciñas do edificio no que Sergio estaba pintando, contoulle como o seu propio pai se dedicou ao oficio de arrieiro durante moitos anos.
Sergio, coñecido por Comeluz, é un artista pontés polifacético e multidisciplinar, así como o é a súa formación, xa que ademais de estudar Belas Artes en Salamanca, tamén se especializou en técnicas de serigrafía, gravado e estampación na Escola Ramón Falcón de Lugo. Actualmente, dirixe un Obradoiro de artes nas Pontes que se está a converter nun espazo de oportunidades para outros artistas, no cal desenvolve docencia, monográficos e actividades artísticas en xeral. No ano 2019 tivo a súa primeira experiencia muralística no certame ferrolán das “Meninas de Canido”, e este ano aventurouse no As Pontes enPEZAS cunha interpretación moi imaxinativa dun dos camiños máis antigos que percorren o norte de Galicia.
Esta peza está situada na esquina entre a Avda. Ortigueira e a Rúa Ourense. Ver ubicación.
+ info:








