Sekone
“Daquela As Pontes”

Daquela As Pontes é un culto á historia da vila de As Pontes de García Rodríguez a través da súa vida, as súas xentes, o seu día a día, as súas celebracións… O proxecto foi posible grazas ao traballo memorístico de moitos dos seus veciños e veciñas, que nos levaron a través das súas palabras, a unha viaxe polas distintas épocas, historias e vivencias das Pontes.
O deseño xurde dunha recompilación previa de material fotográfico na que se reflexaba a esencia da cotiandade pasada da vila; un traballo que se realizou durante meses e no que colaboraron moitos ponteses e pontesas, cedendo as súas fotografías. Este gran traballo reprodúcese mediante distintas técnicas de pintura nun muro que conforma dúas das rúas principais da vila pontesa: a Avenida da Habana e a Rúa Castelao. A PEZA resultante é un reflexo vivo da historia do noso pobo captada a través dos rostros da súa xente.
O encargado desta misión foi Miguel Ruíz, alias Sekone, galego de corazón e cidadán do mundo. Sekone é un artista multidisciplinar especialista en deseño gráfico, graffiti e muralismo, que gusta de empregar en moitas das súas obras a técnica do hiperrealismo con toques oníricos, especialmente en obxectos a simple vista mundanos, outorgando doses de soño e realidade a partes iguais. Ten participado en diversos festivais de arte urbana, como o DesOrdes Creativas ou Rexenera Fest.
A peza de Sekone atópase na Praza do Hospital (intersección rúa Castelao coa Avenida da Habana). Ver ubicación
+ info:










