Rubén Moledo

“Deixa de soñalo e comeza a practicalo”

6 Opt 13

As Pontes é unha vila con gran actividade deportiva na que a presenza dos deportes é moi importante. Aquí practícanse unha gran variedade de disciplinas deportivas, das que moitas contan con clubs cunha traxectoria e tradición histórica moi significativa.

A diversidade territorial, os numerosos equipamentos e instalacións destinadas á actividade física, así como o gran espírito deportivo pontés, fan que en As Pontes sexa posible a práctica de moitas disciplinas deportivas, podendo desfrutar ademais de eventos relacionados, como competicións, maratóns, concursos, encontros, etc. Un pracer para as persoas afeccionadas aos deportes.

Un dos espazos que maior número de actividades deportivas concentra é o Polideportivo Municipal situado entre o Poboado do Barreiro e o Poboado da Fraga. Polo que a súa contorna era a ideal para albergar unha PEZA artística dedicada aos deportes e a os e as grandes deportistas de As Pontes. O responsable de realizar a homenaxe ao deporte pontés foi o graffiteiro local Rubén Moledo.

Entre sprays e colorido, Rubén deixa entrever algunhas das principais disciplinas que se practican na nosa vila, tales como: tiro con arco, ximnasia rítmica, tenis, pádel, karting, piragüismo, karate, ciclismo, patinaxe artístico, tiro ao prato, escalada, vela, hípica, sendeirismo, rugby, motocross, fútbol, baloncesto, rally…

Rubén Moledo é un artista pontés recoñecido especialmente pola súa destreza coa técnica do graffiti. Non é a primeira vez que transforma un espazo cos seus sprays no proxecto As Pontes enPEZAS, xa que conta cunha PEZA na Avenida de Ortigueira feita no ano 2017. Ademais de talento artístico, Rubén desborda enerxía, dinamismo e positividade, que traslada ás súas obras e ás persoas que o rodean.

Esta peza pode visitarse na centralita que hai detrás do Pavillón Municipal da Fraga. Ver ubicación.

Scroll ao inicio