Nove Noel

“Mamed Casanova, o derradeiro bandoleiro”

9 Opt 14

En su retrato nada delata al asesino. Su rostro lo mismo puede ser el de un monje penitente que el de un hidalgo sombrío […]. Yo creo advertir en los ojos de este retrato más audacia que perversidad. Tiene el alma en ellos, el alma de los grandes capitanes, fiera, gallarda y de través, como los gavilanes de la espada.Desgraciadamente, ya quedan pocas almas así. ¿Será verdad que cuando se extinguen por completo, las razas agonizan?

Ramón María del Valle-Inclán (“Las galas del difunto”)

Así describía Don Ramón María del Valle-Inclán -o escritor galego máis universal-, ao bandoleiro e foraxido Mamed Casanova (alcumado Toribio), nado en 1882 nas Grañas do Sor de Mañón, e lembrado como un dos máis celebres bandidos de España de século XX -e tamén un dos derradeiros-. Inmortalizado por figuras da literatura galega como o propio Valle-Inclán, a condesa Emilia Pardo Bazán e Julio Camba, así como os principais xornais da época, a súa lenda continúa a ser fonte de inspiración durante o século XXI, sendo destacables a novela de Hixinio Puentes sobre a súa vida e a banda deseñada “O fillo da furia”.

Ao tempo que a Garda Civil batía o norte das provincias da Coruña e Lugo para darlle caza, as fazañas de Toribio convertíanse en coplas e romances moi populares por toda España. Despois de 3 anos de persecución e diversas fugas, o anti-heroe acabou sendo apresado en novembro de 1903 na casa reitoral do Freixo no Concello de As Pontes. Entre as moitas versións contadas sobre a súa detención popularizouse a traizón do seu amigo o cura da parroquia para cobrar unha importante recompensa (1.500 pesetas da época).

A vida e obra de Mamed Casanova, así como a protección e os simpatías que xeraba naquel momento, non poden comprenderse sen entender a soberbia dalgúns dos emigrantes retornados das Américas (indianos) e a miseria económica e a decadencia social que azoutaba a España, inmersa na perda das derradeiras colonias de ultramar.

Fillo de nai solteira, pobre e labrega, foi ela quen o librou da morte por garrote vila ao suplicarlle o indulto ao rei Afonso XIII nunha visita do monarca a Santiago de Compostela.

O mural do As Pontes enPEZAS retrata a Mamed nunha das súas primeiras aventuras delitivas e das máis afamadas. Todo comeza cando un veciño adiñeirado regresa da Habana e poucos días despois da súa chegada, falece e é enterrado cun fermoso traxe confeccionado en Cuba. Toribio encaprichouse coas roupas do defunto, e non tivo reparos en desenterrar o cadáver e enfundarse as vestimentas do indiano para facer acto de presenza nun baile. No mural tamén se representa a súa pega, un paxaro que segundo dicían os seus veciños e veciñas, avisábao da presenza da Garda Civil durante os tres anos que viviu fuxido polos montes do norte de Galicia. Toribio aspiraba a non ser un máis nunha época de pobreza e inxustiza social, e a un prezo moi alto, conseguiuno.

O encargado de dar vida no As Pontes enPEZAS á historia deste personaxe da nosa comarca foi NOVE NOEL, un dos muralista galegos máis talentosos, nado na vila de Rianxo (A Coruña). Noel é comunicador audiovisual e técnico en ilustración. Dende o ano 2008 dedícase á imaxe gráfica e a pintura mural. Dende entón traballou en numerosos festivais en España, Portugal, Alemaña e México.

A peza de Nove Noel está na Avenida de Ferrol, fronte a Praza do Carme. Ver ubicación.

Scroll ao inicio