Mario Vérez

“A nosa orixe”

10 Opt 9

A música é unha forma de arte que nos acompaña ao longo das nosas vidas. Unha peza musical pode marcar un momento ou pequeno instante vital e facer que sexa inesquecible. Algunhas persoas nacen cunhas dotes especiais para a música, vivíndoa dun xeito diferente. Este é caso de Mario Vérez, un namorado da música dende que naceu.

Como non podía ser doutra maneira, este artista pontés realizou o seu primeiro mural dedicado á cultura musical. A PEZA mural titulada “A nosa orixe” é unha representación de como comezaron as orixes da música en As Pontes. No ano 1909, formouse na parroquia de Ribadeume a primeira banda de músicos. Esta agrupación foi creada e dirixida polo sacerdote do lugar, Don Juan Vázquez Vázquez (Aranga 1873 – Ribadeume 1956), quen era un habilidoso da música e un precursor da mesma. Don Juan foi sacerdote das parroquias de Bermui e Ribadeume durante 50 anos, o que aproveitou para a introducir a música nestas dúas parroquias, e formar a moitos rapaces para tocar diversos instrumentos, o cal posibilitou a creación da Banda de Ribadeume.

A Banda de Ribadeume converteríase en Banda Municipal da Capela no ano 1928, baixo a dirección do mestre Don Domingo Antonio Pico, alumno avantaxado de Don Juan e autor da música do himno das Pontes. No ano 1943 a Banda desapareceu e os seus músicos formaron dúas orquestras continuadoras do legado dos precursores: “Los Rivadeumes” e “River”, agrupacións máis adaptadas aos gustos e estilos musicais dos anos 40.

Para a realización do mural, Mario tivo a oportunidade de coñecer a Elina Pena, sobriña-neta de Don Juan, e pasar un bo rato de anécdotas, historias e inspiración. Cando lle preguntamos a Mario como explicaría a súa PEZA, esta foi a súa resposta:

“Este mural é unha representación da nosa orixe musical en As Pontes que empezaba no ano 1909 en Ribadeume cunha banda creada polo cura D. Juan Vázquez. É unha homenaxe a todos os precursores no que engadín o cornetín (que era o instrumento que tocaba D. Juan) xunto con varios instrumentos da época, unha foto da primeira banda, o Himno de As Pontes e unha referencia aos palcos do música que xa non están.”

Mario Vérez é estudante de Belas Artes e un artista multidisciplinar, xa que tamén é recoñecido por ser integrante da Escola Municipal de Danza. Estreouse no As Pontes enPEZAS como muralista, sendo a primeira vez que pintaba en gran formato.

Esta peza pode visitarse na Avenida de Vilalba 2, fronte á oficina de Correos. Ver ubicación

Scroll ao inicio