Marcos Mariño

“O soño de San Xoán”

2. Marcos Marino

Como non sempre nos íamos a botar á pintura, decidimos probar novas experiencias artísticas dende outras disciplinas, neste caso a escultura. Coma sempre, sexa a través da disciplina que sexa, buscábamos algo que nos representase, que contase parte da nosa historia e que falase desas cousas que nos fan un pobo único. Para iso, tíñamos que contar cun experto en dar vida a calquera pequeno ou gran anaco de madeira. Así, Marcos Mariño, veu a visitarnos e deixar unha PEZA única e máxica, como xa acostumamos no As Pontes enPEZAS.

«O soño de San Xoán» é unha peza inspirada nas tradicións da noite máis máxica do ano: elaborar a queimada para escorrentar todo mal e afastar os espíritos, preparar as augas de San Xoán coas súas sete herbas deixadas ao orballo da noite, saltar as fogueiras para atraer a boa sorte, e comer as clásicas sardiñas do San Xoán. Todas estas tradicións personifícanse en catro impresionantes figuras de grandes volumes e movemento propio feitas con madeiras de chopo e de carballo.

Cada unha das 4 figuras que representan 4 instantáneas da celebración do solsticio de verán e que conforman esta gran PEZA, funcionará como banco para o uso público. Un luxo sentarnos e observar comodamente cada un dos pequenos detalles desta peculiar peza, única e feiticeira.

Marcos Mariño, natural de Arcade (Soutomaior, Pontevedra), é un verdadeiro mestre da talla con motoserra; tanto, que o seu talento atravesou fronteiras, chegando ata Lituania, Chile, Siberia, Escocia e un longo etc. Estudou artes aplicadas e oficios artísticos na Escola de arte Mestre Mateo de Santiago de Compostela e chegou ata As Pontes para deixarnos un verdadeiro Soño de San Xoán.

As catro pezas están instaladas no parque fronte ao PAC, na confluencia entre a Rúa 8 de Marzo e a Rúa Ourense. Ver ubicación.

Scroll ao inicio