Lula Goce

“A rapaza durminte”

Lula Goce - A rapaza durminte

A PEZA situada nunha antiga marmorería en desuso da Canle IV, protagonízaa unha nova veciña da vila que tras moito viaxar, atopou un sitio no que quedar a durmir e nunca máis marchou. A rapaza durminte pertence a unha serie de murais titulados como Sleepers (Durmintes) da artista de Baiona Lula Goce.

Lula Goce está especializada na arte urbana e no muralismo; grazas ao seu espírito todoterreo, conquistou cada recuncho en branco agochado no mundo. As súas obras, non deixan indiferente a ninguén, resaltando especialmente as súas temáticas, a mestura nas súas cores e eses rostros fotorrealistas que evocan todo tipo de sentimentos.

Lula naceu e creceu na vila galega de Baiona, sempre influenciada pola súa cultura e o seu entorno. Emigrou a Barcelona para continuar formándose e dende aquela, leva participado en multitude de proxectos, festivais e exposicións artísticas nacionais e internacionais (Bélxica, Italia, Alemaña, Irlanda, Estados Unidos ou México), dando un sopro de aire fresco a escena do graffiti. Para a artista, é importante que as súas obras produzan unha interacción directa cos espectadores, alteren os espazos para mellor e se volvan unha parte integral das áreas que habitan.

A rapaza durminte é unha peza do museo ó aire libre de As Pontes que causa sensación en todas aquelas persoas que a visitan. As súas dimensións, a forma na que se integra no espazo, a súa adaptación ao entorno mediante a mestura de elementos da natureza con rostros realistas ou a combinación nas súas cores son algunhas das características que fan tan especial esta PEZA.

O mural de Lula Goce está nun vello taller de marmorería na Rúa Santiago. Ver ubicación

Scroll ao inicio