Lucía Escrigas

“As feiras”

7 Opt 10

As feiras son un evento social propio dos pobos e cidades, nos que se realizan intercambios de todo tipo de produtos e de intensas relacións sociais. Aí se venden os produtos da terra e do mar: verduras, carnes, pescados en salazón, ovos, queixos, mel… son algúns exemplos dos alimentos que se vendían nas feiras e que hoxe en día, aínda se poden ir mercar.

Na vila das Pontes, as feiras empezaron a celebrarse no ano 1788, durante o reinado de Carlos IV, sendo un dos eventos que marcan a súa identidade. En concreto, celébranse tres tipos de feira: A Feira Quincenal (todos os 1 e 15 de cada mes), a Feira do Grelo (o domingo de Entroido) e a Feira de Fungos e Cogomelos (a fin de semana antes da festividade de defuntos).

Cando Lucía Escrigas descubriu o muro no que ía a traballar e a rúa no que estaba situado, veu clara a necesidade de render homenaxe a esta tradición galega tan arraigada e de gran importancia para a nosa vila. Dende figuras sinxelas, Lucía soubo sacar a relucir todos aqueles elementos identitarios das feiras e tan significativos para o seu transcurso durante tantos anos.

En palabras da artista:

“O mural céntrase na tradición galega das feiras que se celebraban en As Pontes, incorporando ao deseño os motivos propios destes eventos. Os grelos, os cogomelos, os animais, a labrega ou o paisano que ofrecen o froito do seu traballo, entre outras figuras, están presentes na peza. A idea principal é salientar o feito de que estas tradicións son fundamentais para a identidade do pobo, xa que favorecen espazos de xuntanza moi enriquecedores para a veciñanza.”

Os seus elementos tan recoñecibles e as súas cores tan alegres fixeron que esta PEZA non pasase desapercibida e pronto chamase a atención de toda a xente que transcorría pola rúa, que paraban a falar con Lucía. Ela describía a súa experiencia así:

“Sen dúbida, as mellores anécdotas que se produciron durante a execución do mural están relacionadas coas reaccións da veciñanza ao pasar. Nais e pais xogando coas súas criaturas a adiviñar as figuras do mural, maiores agradecendo cun sorriso a mellora do espazo público mentres contaban as súas anécdotas nas feiras, ou o deleite da charanga na festa estival do pobo, entre outras moitas. Para min é moi importante que a xente interactúe co mural, pois todas esas reaccións son as que de verdade dan cor á peza e fan que realmente funcione.”

Lucía Escrigas é unha artista oleirense dedicada profesionalmente á arquitectura. Dende hai anos compaxina a súa vida profesional coa súa faceta artística. Abarca distintas técnicas: ilustración dixital, acuarela, lapis, mural, etc. Sobre ela cabe destacar ademais, que é unha persoa entregada e aberta a calquera idea que se lle propoña, sempre co mellor dos seus sorrisos. A peza de Lucía Escrigas está na intersección de Rúa Campo da Feira con Rúa 8 de Marzo. Ver ubicación

Scroll ao inicio