Judith Cao
“Recuncho animado das Fragas”

As Fragas do Eume constitúen un dos bosques atlánticos mellor conservados de Europa. Neste espazo convive unha gran diversidade de fauna e flora, un privilexio para os sentidos e para todas aquelas persoas que teñen o luxo de poder desfrutar deste entorno, desta experiencia natural e cultural.
A quen non lle gustaría ter preto un entorno cheo de maxia? É por iso que nun escondido calexón, no medio e medio da vila, naceu un pequeno recuncho cheo de vida, no que habitan animais e plantas características da nosa zona. Este recuncho de natureza en forma de peza mural cobrou vida da man de Judith Cao.
O deseño da PEZA mestura aos animais característicos das Fragas coa natureza propia da zona, de tal forma que se complementan e se mimetizan, transformándose nun único ser. Ademais, aparecen elementos que caracterizan a estes animais ou aos que se asocian. Deste xeito, remata por configurarse a paisaxe deste ecosistema extraordinario.











