Juan Prieto / Sonao
“Irse”

Nun vello alpendre situado nunha das entradas á nosa vila, aparece unha nova peza homenaxe en forma de cores, enerxía e figuras sinxelas.
“Irse” é unha representación gráfica da emigración a través da pintura e da arte. Unha forma de lembrar a todas aquelas persoas, que cheas de ilusión e esperanza, fuxían da miseria e das guerras que as asolaban e partían cara a unha terra prometida para os galegos do século XIX e XX. As Américas representaban unha terra chea de oportunidades, pero tamén de dificultades e durezas no camiño.
Juan Prieto (Sonao) é un artista pontés que desborda talento, enerxía e ganas de facer milleiros de cousas. Estreouse no mundo do muralismo a través deste soporte de grandes dimensións e o espectacular do resultado, salta á vista.
Sobre a súa experiencia realizando a PEZA mural, comenta o seguinte:
“O proceso en si… estaba guay alí subido, é moito choio, pero estaba tranquilo e relaxado. Préstame mancharme de pintura andar con rodillos con pinceis e todo o tinglado que engloba este mundillo. Así que mal, era imposible pasalo.”
Cando lle preguntamos como explicaría a súa obra, aclara:
“As pezas explícanse solas, si explico con pelos e sinais como interpreto o que fixen, poido limitar de algunha maneira a forma de velo dos demais e quitaríalle o máis interesante.”
Aínda que ningunha PEZA ten unha explicación estrita, todas lembran sutilmente a nosa historia, a dos nosos parentes, veciños e veciñas. No caso de “Irse” o que si fala por si mesmo é o gran traballo de Juan, quen co seu talento e creatividade, terá sen dúbida un gran futuro artístico.
Esta peza pode visitarse na Rúa Irmáns Tojeiro, ao carón do Gadis. Ver ubicación
+ info:









