Diego G. Cereijo
“Artistas que tornean soños coas voltas do tempo”

A historia da tornaría na nosa vila está marcada, especialmente, por dúas figuras emblemáticas. Por unha parte, a figura de Lolo Castro, quen a través dos coñecementos adquiridos do seu pai, mantivo viva esta arte e a súa tradición. Por outra parte, Fernando Vérez, quen durante anos traballou na súa innovación, así como en amosar ao mundo o talento pontés para a tornaría a través da organización de encontros e feiras internacionais. Historia, tradición, innovación, sentimento e arte xúntanse nunha única PEZA ideada por Diego Cereijo.
O resultado é un espectáculo visual para os sentidos nun emprazamento espectacular, o muíño do mítico torneiro e muiñeiro Severiano Castro. Este atópase en pleno casco antigo, a carón da ponte máis histórica: a ponte de pedra de García Rodríguez de Valcarce, coñecida popularmente como “A Ponte dos ferros” polas súas características varandas e alimentada polas augas do afamado río Eume.
O mural realizado por Diego executouse a partir da técnica coñecida como stencil, popularizada polo artista británico Banksy. Deste xeito, o deseñador crea o debuxo, transfórmao dixitalmente nunha plantilla que posteriormente, imprime e adhire no soporte desexado para poder cubrila segundo as cores seleccionadas previamente. Neste caso, dadas as dimensións do debuxo, o proceso para colocala e retirala foi máis complexo.
Para o deseño da súa PEZA mural, Diego achegouse ao mundo da tornaría a través da Asociación de Amigos da Madeira, quen lle trasladaron moi detalladamente as orixes do oficio de torneiro e todo aquelo que o caracteriza. Así mesmo amosáronlle todas as pezas que foron creando ao longo destes anos nos talleres e encontros internacionais nos que participan cada ano.
Diego describe a idea para a súa obra así:
“Intentei plasmar, co máximo respecto posible, a información recollida nas xuntanzas cos torneiros, representando esta convivencia entre a tradición e o rexurdimento da tornaría local, centrada nesta aperta entre os seus principais protagonistas (Lolo Castro e Fernando Vérez), engadindo unha selección de pezas reais realizadas por membros da Asociación de Amigos da Madeira e dúas posturas do oficio que me pareceron especialmente características.”
A peza amosa a combinación de saberes dos que son os embaixadores dunha tradición artística e a creatividade dunha persoa capaz de captar grandes historias en cada un dos seus deseños.
Diego Cereijo é enxeñeiro industrial de profesión e nas súas palabras, un “afeccionado” ao deseño, aínda que as súas obras manifestan máis que unha afección. Conta con outra peza nunha das marquesiñas do Poboado da Fraga e tamén poden atoparse varias das súas “Meninas” no coñecido barrio de Canido, en Ferrol.
Esta peza pode visitarse na Rúa da Igrexa 29, no muíño de Severiano situado no casco histórico da vila. Ver ubicación
+ info:









