Diego G. Cereijo
“AsPontesDeMinaALago”

Este mural foi realizado empregando a técnica stencil (literalmente, plantilla) plasmando un deseño do autor da peza, Diego G. Cereijo. Como el mesmo nos explicou, o seu obxectivo é principalmente estético, e pretende representar dun xeito positivo e colorido, a transformación do modo de vida do pobo de As Pontes desde o peche da mina de carbón en 2007 e a súa rexeneración como un inmenso lago no que a xuventude desfruta e viaxa cara un futuro, sempre apoiado no seu pasado mineiro.
A técnica do stencil permite adherir o bosquexo á superficie da parede e pintar dun xeito rápido e eficaz as cores que dan forma á composición artística. Habitualmente nesta técnica aplícase pintura en spray, pero nesta ocasión empregouse pintura acrílica, e ata 20 probas de cor foron precisas para conseguir as tonalidades desexadas polo creador desta peza; o que xa é indicativo da complexidade e perfeccionismo procurado.
Diego G. Cereijo, ten as súas raíces en San Cibrao-Cervo (Lugo), pero vive e traballa nas Pontes desde o 2015, de onde di sentirse un veciño máis do Poboado da Fraga. Precisamente o barrio escollido para a súa intervención artística dentro do proxecto “AsPontes enPEZAS”.
Diego é un creador de beleza, pero non se considera artista, e iso que leva debuxando e deseñando carteis, logotipos, invitacións, fotografías… desde a súa infancia na Mariña. Fai tres anos probou a trasladar os seus bosquexos a tamaño mural, coa escusa do certame das “Meninas de Canido” (Ferrol), e a experiencia resultoulle tan boa que quedou con ganas permanentes de seguir explorando esta disciplina. Cando se lle pregunta pola súa peza “AsPontesDeMinaALago” estes son os seus argumentos:
“Non me gustaría aportar unha explicación pola miña parte. O obxectivo está conseguido se se consegue que os veciños se paren a ollar e esperten neles algunhas sensacións. As que sexan. Como dixen, o obxectivo é principalmente estético, aínda que eu precise dalgún punto de partida para dar forma ao deseño”.
A peza está na Avenida da Habana, na marquesiña do Poboado da Fraga. Ver ubicación
+ info:





