Delio Rodríguez
“A lenda das tres fontes irmáns”

Antes de que se construísen as pontes que cobren o río Eume..
Na serra do Xistral, nacían tres fontes xuntas coma irmáns, Masma, Landro e Eume. O mar prometéralles que á primeira que chegara onda el, cumpriríalle un desexo. As tres fontes botáronse ao camiño rapidamente ata que cansaron e botáronse a durmir, prometendo que a primeira en espertar, avisaría ao resto. Sen embargo, cando o Masma e o Landro espertaron, marcharon caladiñas e amodiño para seguir co seu camiño. Cando espertou o Eume e descubriu a traizón, saíu enfurecida e entolecida, conseguindo chegar primeira ao mar. Esta fonte deu lugar ao río Eume, quen lle pediu como desexo ao mar que cada ano o agasallase cunha persoa.
Ese é o motivo polo que cada ano, o río Eume leva unha persoa consigo.
Esta lenda tan recoñecida na vila, ten moitas versión e interpretacións, cambiando entre outras cousas, os ríos que a conforman (polo Sor, o Mandeo, ou o Ouro), mais sempre co mesmo desenlace: o sacrificio anual dunha persoa no río Eume. Aínda que moitas persoas coñecen a lenda, ninguén a representou nunca nunha imaxe, sendo pioneiro o artista Delio Rodríguez.
Delio foi o encargado de darlle vida a unha lenda clásica que acompaña a vila dende hai moitos anos, amosando toda a nosa historia na súa PEZA. O artista foi quen de transmitir nun mural esa mestura de sensacións que produce a lenda e o poderío co que se describe ó río que atravesa a nosa vila.
Delio Rodríguez é orixinario de Vigo, comezando dende moi novo a súa actividade na súa cidade natal. Desenvolveu unha gran parte da súa carreira profesional en México e de aí a países como Ecuador, Portugal ou Italia. Participou en gran variedade de eventos de arte urbana e proxectos sociais con murais en gran formato.
Ademais dun talento innegable, Delio amosou un compromiso moi importante coa historia da vila, nutríndose dela para a elaboración da súa peza, a cal non deixou indiferente a ningún veciño, que se acercaban a admirala durante o proceso.
O artista daba a súa opinión sobre o proxecto nunha entrevista:
«Gústame especialmente a aposta que se fai aquí para que todo teña relación co pobo e as súas historias, paréceme unha gran idea. Agora mesmo, o tema da arte urbana ten moita pegada, está en alza. Pero o que se fai en As Pontes, vino menos. En países como México é máis habitual, pero aquí é moi novidoso».
Tamén comentaba as boas migas que fixo coa xente do lugar, o seu club de fans local:
«Unha das cousas que motivou o traballo con creces, foi a presencia de todos os veciños que ollaban o proceso compartindo impresións e experiencias comigo e me daban parabéns. Entre eles se encontran o club de fans das xubiladas do banco de todas as tardes, os cativos saudando e facendo preguntas ó saír da escola, o dono do local de enfronte que se ofreceu a gardarme o material durante os días de chuvia, os xubilados pintores e debuxantes no seu tempo libre, a señora que me compartiu sementes da súa horta, algunha xente que perdeu familiares e achegados no río e me agradecían a representación con certa maxia desta lenda dramática, e moitos máis. Pintar este mural sentiuse como estar na casa coa familia».
Esta peza está situada na Avenida da Habana, no barrio do Barreiro (xusto ao carón do pavillón municipal). Ver ubicación
+ info:








