Carolina Díguele, Isabel O’Connor e veciñas das Pontes
“Outono máxico”

Empregando a técnica rebautizada como “graffiti con fíos”, esta obra de arte pública foi a que implicou a máis persoas na súa “realizacción”, 50 persoas entre os 5 e os 85 anos, e case todas mulleres que enfiaron as súas agullas para dar vida a un recuncho do “Campo da Feira”.
A instalación artística elaborada a ganchillo e a calceta foi presentada ao público o 28 e o 29 de outubro, coincidindo coa Feira de Fungos e Cogomelos; pero a súa confección iniciouse un mes antes, coa preparación dos patróns a confeccionar e cun reparto semanal do traballo, coordinado polas artistas locais Carolina Díguele e Isabel O´Connor.
O resultado final do primeiro yarnbombing ou instalación feita con fíos realizada nas Pontes, foi un collage cheo de elementos outonais como cogomelos, follas, pingas de auga, fungos, castañas e ata cestas e manteis para ir de merendola. E como a data coincidiu co ancestral entroido ou Samaín, non podían faltar dúas arañas nunha enorme tea e o logo de “As Pontes enPEZAS” como marca da casa das tecedoras.
A peza “Outono máxico” foi máis que unha instalación urbana que nos alegrou a fin de semana de Feira de Fungos e Cogomelos. Converteuse nunha demostración de que é posible facer arte urbano con calquera material, inclusive con técnicas tan antigas como a calceta e o ganchillo. E o máis fermoso, que foi unha obra executada por artistas que non sabían que o eran. Porque esta peza tivo moito de empoderamento, tanto feminino como interxeracional. Mulleres de todas as idades (inclusive tres xeracións da mesma casa), unidas cun fin común, expresarse a través dunha acción creativa, reivindicativa e, por riba de todo, colectiva.
As directoras de todo este despregue de creatividade exprésano desta maneira:
“Experiencia marabillosa polo entusiasmo de 50 persoas implicadas e con ganas de facer máis instalacións nun futuro. Coñecemos a moita xente marabillosa que nos deu moitísimo cariño e esperamos poder repetir pronto”.
Carolina Díguele, é entre moitas outras cousas, unha artista, fotógrafa, deseñadora, tecedora e artesá das Pontes, que o que se propón consígueo. Actualmente gáñase a vida co seu taller de multi-creación Coralín Colorado.
Isabel O’Connor, mente creativa e inquieta culturalmente, dedícase ao interiorismo, pero sempre atopa tempo, para a participación en proxectos artísticos desde ambientación de eventos, montaxe de decorados, confeccións de vestiarios ou escenificar unha obra teatral.
Esta peza colaborativa foi realizada diante da Casa do Concello, no Parque Municipal “Campo da Feira”
+ info:
Carolina Díguele
Isabel O’Connor
