Xurxo Guitián

Homenaxe a “Xaquín das Herbas”

6 xaquíndasherbas opt

Esta peza deseñada por Xurxo Guitián é un mosaico ou collage fotográfico composto de 2809 teselas que forman a figura dun veciño mítico e misterioso: “Xaquín das Herbas”.

A historia deste home é todo un enigma, estando regada de mitos e crenzas populares que perduran a día de hoxe na memoria colectiva da comunidade local. Sospeitase que procedía dalgún lugar das provincias de Pontevedra ou Lugo, e que era un canteiro anarquista que probablemente fuxira do seu fogar por mor da Guerra Civil, e que viviu na vila das Pontes dende o ano 1936 ata a súa morte en 1958. O que sí é seguro é que continúa a ser unha figura histórica moi popular e  moi querida entre os habitantes das Pontes.

Para poder realizar esta homenaxe colectiva contouse coa colaboración de máis de 800 persoas, a maioría veciñas e veciños, que enviaron as súas fotos ou achegáronse pola “Feira de Fungos e Cogomelos”.

Algunhas das persoas participantes nesta peza, eran coetáneos de Xaquín das Herbas, e explicáronnos anécdotas da súa vida: desde os que lle levaban comida aos que recoñecían abertamente que o seu aspecto lles daba medo, e que segundo se conta, vivía ao marxe da sociedade; fabricándose el mesmo a roupa con peles, alimentándose a base de insectos, herbas e raíces, e durmindo no oco dun carballo ao carón da ponte romana no barrio do Chamoselo.

De Xurxo Guitián gústannos moito as cousas que fai, pero aínda máis o seu xeito de facelas. A súa biografía é un claro exemplo disto. Así é como se presenta: “Aínda que da quinta do 69, en realidade nacín 14 anos despois de vir ao mundo. O meu nacemento, despois de vivir 2 anos en Coruña e 12 en Vigo, aconteceu en Vedra, polo que me penso Ullán. Traballei nun xornal sen ser xornalista, andei en leas sindicais sen ser sindicalista, fixen viño sen ser viticultor, e agora saco fotos e conclusións. Se xogase aos tronos o meu lema sería “por la boca muerde el pez”.

E así nos transmite a súa experiencia participando no “As Pontes enPEZAS”:

“Sir Isaac Newton, sentíndose adulado polo recoñecemento aos seus méritos, nunha célebre mostra de humildade dixo “se conseguín ver lonxe é porque estou sentado sobre os ombreiros de xigantes”. Rendía así homenaxe aos científicos que lle precederon, recoñecendo que sen as súas aportacións nada podería ter conseguido.

Quizais Xaquín non fose el mesmo un xigante, nin ningunha das persoas coas que, individualmente, se cruzou na súa vida, pero todas xuntas representan o sentimento de colectividade que fai que o mundo avance e que unha vila como As Pontes prospere. Os xigantes das Pontes non son só as chemineas da térmica (máis propias, quizá, do Quixote) senón os homes e as mulleres que nos precederon”.

O mosaico fotográfico na honra de “Xaquín das Herbas” está localizado na Avenida da Habana, na marquesiña do Poboado do Barreiro. Ver ubicación

Scroll ao inicio