Xurxo Guitián e veciños e visitantes das Pontes e de Lesneven
“Dous pobos, unha mesma nai: Galiza – Breizh / Galisia ha Breizh: div bobl, ur vamm nemetken”

Tralo éxito do mosaico fotográfico dedicado ó misterioso veciño, Xaquín das Herbas, no que se alcanzaron case as 3000 teselas, este ano realízase de novo unha composición fotográfica, pero cunha finalidade distinta: homenaxear a relación cultural entre Galicia e a Bretaña, así como ó irmanamento entre os pobos de As Pontes e Lesneven.
Co fin de render homenaxe á amizade entre Galicia e a Bretaña – que se manifesta en máis de 20 irmanamentos entre localidades galegas e bretoas -, nace este collage fotográfico creado polo equipo de sociólogos e sociólogas de DELOGA e o fotógrafo Xurxo Guitián. O mosaico fotográfico está composto por preto de 7.000 teselas nas que aparecen persoas, paisaxes, monumentos, artesanía e símbolos identitarios, representativos do noso, do que fomos e somos. Xuntas dan forma á figura de dúas futuras mamás. Dous corpos de muller cheos de vida e cunhas conexións íntimas, afectivas e culturais, iguais ás que xurdiron entre as dúas vilas irmás (xa hai case 30 anos) e que aparecen ilustradas cun símbolo cultural común, o trisquel.
Deste xeito, unha “irmá” desta PEZA tan especial, instalarase na vila de Lesneven, para que unha parte importante de cada pobo viva sempre no outro.
Para conseguir todas as fotografías que compoñen o mosaico, contouse coa participación de centos de veciños e veciñas de ambas vilas, que enviaron os seus retratos a través das diversas canles facilitadas. Durante a XXX Feira de Fungos e Cogomelos (celebrada no ano 2019), foron moitas as persoas que se achegaron a sacar a súa foto para o mosaico colectivo.
A instalación física do mosaico realizouse na mañá do 17 de xuño de 2020. Neste día tan importante contouse coa presenza de membros de Galicia e a Bretaña do irmanamento, que non se perderon detalle da instalación da que xa é unha PEZA máis do noso museo a ceo aberto e un símbolo máis da relación entre Galicia e Bretaña: dous territorios históricos de Europa bañados polo Océano Atlántico e pola afamada chuvia, que moldean un patrimonio natural e paisaxístico máis propio do Paraíso que da Terra.
Esta PEZA requiriu da participación de centos de persoas que colaboraron na confección desta peza colectiva, especialmente das familias das vilas de As Pontes e de Lesneven que manteñen viva esta iniciativa tan fermosa.
Xurxo Guitián é un deseñador gráfico, fotógrafo e editor con máis de 25 anos de experiencia no sector audiovisual. Ademais, é un experto en sacar o perfil bo de todas as persoas ás que fotografía, amosando sempre a súa esencia. En definitiva, é a persoa ideal para continuar coa creación dun mosaico fotográfico tan especial e familiar.
O mosaico fotográfico “Dous pobos, unha mesma nai: Galiza – Breizh” pode verse na Rúa Real número 8, no casco antigo da vila de As Pontes. Ver ubicación.
Destacar que unha copia deste mosaico se instalou na chapelle Saint-Joseph en Lesneven. Ver ubicación.
Tamén podes ver o mosaico na seguinte páxina: http://galizabreizh.estapaxina.es/
+ info:









