Pili Carballeira e as súas alumnas
“As lavandeiras do Chamoselo”

Dedicado ás mulleres que lavaban a roupa a man no lavadoiro do Chamoselo ao pé do río para toda a súa familia durante tantos anos, e tamén para as que aínda o seguen facendo hoxe en día.
A PEZA realizada pola artista Pili Carballeira e as alumnas dos seus cursos de pintura, é unha ilustración pictórica en forma de mural que rende homenaxe a todas as lavandeiras que facían a colada no lavadoiro do río Chamoselo – situado uns metros máis abaixo do muro – o cal deu servicio durante anos a moitas das familias da contorna e que hoxe en día, supón un recurso patrimonial para o recordo.
As veciñas do lugar contaban como antigamente o empregaban a diario e o sacrificado que era ese labor. Tamén como algunha delas ata non hai moito, seguía empregando este recurso para lavar alfombras ou outras pezas de gran tamaño. De feito, durante a realización do mural, coincidiuse cunha veciña do barrio que estaba lavando a roupa da cama no lavadoiro e deixándoa posteriormente a clareo.
A PEZA foi realizada en 6 días por varios grupos de alumnas de pintura de diversas idades (dende os 5 ata os 70 anos) guiadas pola artista Pili Carballeira, quen deseñou e realizou o bosquexo para o mural. Nunha entrevista comentaba:
«Hai un lavadoiro e contáronme que antigamente as señoras lavaban para xente rica que lles pagaba. A idea é lembrar os tempos duros, pero tamén lembrar o bo, ás compañeiras charlando e ás nenas xogando.»
Pili Carballeira é veciña pontesa e mestra de pintura en diversas asociacións culturais das Pontes. Ela deu clase a moitos dos e das artistas locais que participan no As Pontes enPEZAS, entre eles Wedo Goás, muralista pontés afincado en Barcelona, con quen se reencontrou durante a realización desta peza, despois de moitos anos sen verse.
Esta peza colectiva está situada na Rúa do Chamoselo número 9. Ver ubicación.
+ info:









