Gupo poético Alalá e Rubén Moledo
“Graffiti literario”

Esta peza colectiva, cen por cen pontesa, xurdiu dun experimento creativo que logrou fusionar estilos moi diversos de interpretar a realidade a través da arte. Mesturouse a poesía e o graffiti, empregando técnicas atemporais como: o cadáver exquisito -ideado polos surrealistas franceses nos anos 20 do século pasado-, con procedementos de expresión da arte urbana máis social, como o stencil (plantillas recortadas) pintado a spray.
O froito desta colaboración das poetisas e os poetas do Grupo Alalá e o grafiteiro Rubén Moledo, foi bautizada co nome “Graffiti literario”, e atópase nas escaleiras que levan dende o rúa Coruña ata a praza de América, ao pé da biblioteca municipal “Enrique Rivera Rouco”.
A peza poética xestada colaborativamente di así:
“O tempo turra dilatando o estío.
Retrasa o baile da chuvia nas tellas.
O azul do ceo esborrexe polos ollos
e na ribeira busco os teus beizos orfos.
Dende a ponte observo a liña que se estende
maxinando pletórico unha Vila poetizada
que brille baixo o fulgor das estrelas”.
O Grupo Poético Alalá é unha agrupación literaria formada por: Gloria David, Aníbal Ánxel, Santiago del Moral, Ofelia López, Montse Pardo, Silvia Pardo e Mari Carmen Freire, tendo como alma do grupo a Anabel Alonso, bibliotecaria das Pontes. O colectivo foi fundado no ano 2003, e a pesar de ser un grupo heteroxéneo comparten una mesma paixón: escribir versos en lingua galega.
Ademais de promover e organizar dous recitais poéticos anuais, o grupo é asiduo en actividades que fomenten a cultura como: a celebración do Día das Letras Galegas, obradoiros de creación poéticas nos centros de ensino, así como prestándose a colaboracións con outros colectivos culturais como: o grupo fotográfico Reollo, a asociación de pintura ArtPo ou o Conservatorio Municipal de Música.
O “Graffiti literario” estaba situado nas escaleiras da Praza de América, ao pé da antiga Biblioteca Municipal, hoxe desaparecida. A obra, desapareceu tamén coa reforma dese espazo.
Rubén Moledo, é un artista pontés dos pés á cabeza, un artista multidisciplinar. A súa paixón desde neno é o graffiti, e acompáñao de aerografías, de debuxos e de boa música, porque para el graffitear muros non é só o seu traballo, tamén é un xeito de expresarse e de entender a vida.
+ info:
Rubén Moledo









