Veciñas e Veciños da Vila | Colectivo Deloga

“enPASOS de letras”

enPASOS de letras

enPASOS de letras é unha iniciativa máis do proxecto As Pontes enPEZAS para deixar pegada dun xeito distinto; mesturando pintura, escritura e arte urbana a través dos pasos de peóns.

Desta forma, recompiláronse frases, pensamentos, versos, microrrelatos e calquera outra forma de escrita breve creada polos veciños e veciñas das vila, para que unha vez máis, fosen partícipes nun cambio artístico para a vila.

Versos de cancións compostas por artistas locais de antes e de agora, fragmentos de escritores/as noveis e veteranos/as, microrrelatos de lembranzas da vila, frases que inspiren a súa historia, ditos e refráns populares galegos… son algúns exemplos do que se pode desfrutar cruzando os pasos de peóns da vila, onde con cada andaina acompañan ás persoas que os transitan, recordándolles ou ensinándolles unha pequena parte do noso.

Todas as creacións, están inspiradas na esencia da nosa vila e naquelas cousas que a fan única. Este é un aspecto que consideramos especialmente importante dende o proxecto, xa que nos gusta que todas as intervencións sexan un reflexo da nosa comunidade local. Así mesmo, incorporamos algunhas frases ou versos cun toque humorístico e retranqueiro, típicas da nosa cultura galega.

En total son 35 os pasos de peóns seleccionados, deseñados e pintados por Ismael Blanco, Silvia Varela e Judith Cao, sociólogos/as do colectivo DELOGA.

As frases propostas pola cidadanía que se poden atopar polo núcleo urbano da vila e as súas autoras e autores son as seguintes:

  • As Pontes, chuvia e alegría. Orgullo incomprendido, sen telo vivido nin sentido – Andrés Pita Martínez
  • Malo será! – Dito popular
  • A saia da Carolina ten un lagarto pintado; cando a Carolina baila, o lagarto dálle ao rabo – Dito popular
  • E ti…. de quen vés sendo? – Dito popular
  • Xurdida entre cumes, está esta vila a cal ten a esencia do poder da natureza – David Bellas Huerta
  • Éche un andar miudiño, miudiño, miudiño, o que eu traio – Dito popular
  • Artistas que tornean soños coas voltas do tempo – Diego González Cereijo
  • Marcho, que teño que marchar – Dito popular
  • Sentidiño que cabeza ten calquera – Dito popular
  • Vai amodiño, disfrutando do camiño – Autoría anónima
  • Habelas hailas – Dito popular
  • Camiña, sen medo, na procura da túa propia felicidade – Emma Lamas
  • Nunca choveu que non escampara – Dito popular
  • Se chove, que chova! – Dito popular
  • Eume, fresco murmurio no abrazo verde das fragas, emerxen contos e lendas, da maxia das túas augas – Gloria David
  • Aquí, no meu berce de papel, chove pero eu nunca me mollo – Canción “Bon rollo” (Disco “Toda la noche” – Dr. Funkstein 2006)
  • Moitos lares coñecín e se algo aprendín é que a miña vila sempre tira por min – Autoría anónima
  • Pero buscamos refugio, nos lamemos las heridas, volvemos a caminar – Canción “Sálvame” (Disco “Canciones Incendiarias” – Super F 2013)
  • Entre estrelas, ríos, cores e poemas a túa vida brota lembrando o esquecido – Macamen Alonso
  • Non deixes que ninguén tema á escuridade. Ensínalle a prender a luz – Mateo Meizoso
  • Asegúrate de que el camino merezca la pena, y sino al menos que sea en buena compañía – Miguel Ángel Fernández Rivera
  • Debemos aprender das árbores, que retan espidas ó inverno para vestirse de cores na primavera – Montse Balsa Sanjuan
  • Vento nas pontes, auga nas fontes – Dito popular
  • Sementando ilusión cos pés na terra – Neolabrega (Cynthia Arias)
  • Ao abrigo do Caxado e regada polo Eume está a Vila de As Pontes onde por pasar quedéime – Autoría anónima
  • Vila de As Pontes, Vila querida, solo aquí non me sinto perdida – Autoría anónima
  • Na pel do Eume marquei os meus soños – Ofelia López Bermúdez
  • Entre as montañas ben erguida é a primeira en dar a benvida – Autoría anónima
  • Os nosos pasos tamén fan música – Ofelia López
  • Nós se pechamos os ollos podemos voar – Santiago del Moral
  • Nas Pontes os bicos están moi ricos – Sonia Sueiro
  • Erguerse co canto dos paxaros é durmirse co zoar do vento nas árbores – Tania Pombo Moledo
  • The skylines remind us different times – Wendy García Ayuso
  • Xamais estarás baleira, camisola verde. Clube de rugby Fendetestas – Clube de Rugby Fendetestas
  • Cumios, furnas e soutelos, espazos máxicos nos que me perder – Xosé María Ferro Formoso

Esta peza colectiva foi unha obra de arte efémera… que os pasos do tempo e das persoas foron borrando.

Scroll ao inicio