Aspanaes e Sonia Sueiro
“O banco dos bicos”

Na primeira edición do As Pontes enPEZAS, os rapaces e rapazas de ASPANAES (Asociación de persoas con trastorno do espectro autista) realizaran unha PEZA efémera con xiz (tiza) coa axuda da pintora Pili Carballeira. Nesta edición quixeron repetir a experiencia, demostrando que queren seguir rachando barreiras, pero esta vez, empregando pintura, para que o seu deseño perdure no tempo. De novo, Pedro, Suso, Pablo, Simón, Iago, Gonzalo, Rebeca, Tania, Saúl, David e Marcos, estiveron moi ben acompañadas/os, desta vez, da artista local Sonia Sueiro.
A PEZA realizada por este conxunto de artistas é un photocall fronte aos xardíns do Campo da Feira cuxa temática son os bicos. Así, este muro transfórmase nun entorno máxico no que se atopa un banco, ideal para sentarse e fotografar os mellores bicos. E todos os bicos valen. Bicos fraternais, bicos na boca ou na meixela, bicos de papá e de mamá, bicos de amizade, bicos de complicidade, bicos de paixón ou primeiros bicos.
O deseño para o photocall foi realizado entre Sonia e os rapaces e rapazas do centro de día e da escola de ASPANAES, que fixeron algunhas sesións de traballo en común, nas que decidiron a temática e como ían a reflexar o que era para eles e elas o amor. O resultado é sen dúbida fascinante, destas pezas que enfeitizan, quedando reflexado un pouco de cada unha das persoas que participou na súa creación.
A muralista novel resume así a súa experiencia:
“Pareceume tan bonita a idea, quen non me puiden negar. Fun por Aspanaes antes de facer o deseño para que eles fixeran os seus propios debuxos e como co tema do Covid ao final non puideron pintar, integrei os seus debuxos no deseño. Todo o proceso foi un gran reto do que me levo unha experiencia inesquecible“.
Cristina Rodríguez, profesora en ASPANAES, tamén fai a súa valoración da experiencia:
“Sonia soubo plasmar a esencia dos debuxos coma se os fixesen eles. Para nós é unha forma de poñer en valor as fortalezas dos mozos e tirar barreiras abaixo deses que din que non teñen sentimentos“.
Sonia Sueiro, ademais de licenciada en Belas Artes e mestra de secundaria en Educación artística e visual, é unha das impulsoras do proxecto As Pontes enPEZAS. Ten colaborado con outros artistas, participado en talleres de arte con nenos e nenas, e en exposicións colectivas. Deseñou tamén varios proxectos artísticos na vila.
Como non podía ser de outra forma, a pesar de non poder estar acompañada polos/as rapaces/as debido a crise sanitaria da Covid-19, Sonia deu todo de si para que puidesen sentir a peza tan súa como se estivesen alí. E por se quedasen dúbidas de como facer no banco, incluíu instrucións de uso: “Ponte cómodo/a, bica como ti sabes e comparte este momentazo nas redes sociais #AsPontes #EnPEZAS”. Así que xa sabes… Que nas Pontes os bicos están moi ricos!
Esta peza colectiva pode visitarse na Avenida de Ferrol 35 (ao lado da Casa do Concello). Ver ubicación.
+ info:
ASPANAES
Sonia Sueiro











