A Xanela e ArtPo
“Construíndo capacidades”

Para a elaboración deste mural, quíxose contar de novo cunha das mellores combinacións entre artistas: A Xanela (Asociación de Persoas con Discapacidade) e ArtPo (Asociación de Artistas Ponteses).
Nesta ocasión propuxeron facer unha dobre homenaxe na súa PEZA: por unha parte, ao proxecto As Pontes enPEZAS en si mesmo e ás pezas que o compoñen e, por outra parte, á idea de que todas as persoas formamos parte dun “puzzle” común e temos a mesma importancia, a mesma valía e somos igual de necesarias e necesarios para o conxunto. Entre as pezas do puzzle pódense ver ademais símbolos que representan as “capacidades” que se traballan e desenvolven coas persoas da Xanela e que se converten en “súper capacidades” cada vez que realizan un mural e superan un novo reto. Como broche final, asinaron o puzzle completo coas palabras “diferentes” e “capaces” que xa falan por si mesmas do seu gran traballo.
O deseño foi elaborado polas persoas usuarias da Xanela en colaboración con Lupe Lago, terapeuta ocupacional do centro e afeccionada á pintura quen describe así a experiencia:
«É unha experiencia moi gratificante o poder axudar aos usuarios/as da entidade, que aínda que teñen moitas limitacións, intentan día a día superarse. Acoden a pintar a súa obra con moita ilusión e forza. Chama a atención a gran forza de vontade e ánimo que poñen e coa que todos os días teñen que superarse, e é moi gratificante que despois de rematar a obra eles pasen por diante dela e se sentan moi orgullosos do traballo que realizaron.»
Esta PEZA, chea de significado e cores, chamou a atención de todas as persoas que se achegaron durante o proceso, dende a xente máis nova á máis maior. Incluso algún e algunha se animou a botar unha man e a empaparse da positivade e bo facer que desprendían os/as artistas da PEZA.
Esta peza colaborativa está na rúa peonil da Avenida da Coruña (fronte a Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco). Ver ubicación
+ info:
A Xanela (Asociación de persoas con diversidade funcional)
ARTPO (Asociación de Artistas Ponteses)








