ArtPo | Radio Eume

“Radio Eume, a radio máis nosa”

11 opt

O colectivo de artistas ponteses, ArtPo, volve aos pinceis de novo para homenaxear á radio local máis antiga de Galicia, Radio Eume. A emisora municipal comezou a súa actividade un 11 de novembro de 1989, ofrecéndonos dende entón unha programación moi variada que acompaña os nosos días.

Para conmemorar o 30 aniversario da emisora, dende o As Pontes enPEZAS quería renderse homenaxe á súa pegada sonora. As persoas que realizaron este encargo tan especial foron os/as integrantes de ArtPo, colectivo xa especialista en dar cor e vida a cada recuncho da vila no que intervén. Nesta ocasión non foi menos e volveron a facer unha PEZA chea de colorido, vida e boas ondas. Artpo é un dos principais grupos colaboradores do As Pontes enPEZAS, sendo este mural a súa terceira participación no proxecto. Sen embargo, esta é a primeira intervención en solitario, dado que as dúas anteriores foron en colaboración coas persoas usuarias da asociación A Xanela (Asociación de persoas con discapacidade activas).

Da súa PEZA destacan:

Tratamos de facer un bosquexo que resumira trinta anos de historia da nosa radio e que perdure no tempo. Partimos da gramola, o micrófono, a radio e a cinta de casete unidas por partituras e ondas de cores que representan os sons que chegan a tódalas xeracións, dende o ano 1989, dando movemento e continuidade no tempo. Todo o conxunto toma vida propia en torno ó logotipo da Radio que deixa que as súas cores, azul e vermello, discorran libremente pola obra”.

ARTPO (Asociación cultural de ARTistas POnteses), é un grupo artístico unido polos pinceis dende o ano 2012 coa finalidade de expoñer, pintar e traballar polos intereses comúns dos/as artistas da comarca. En marzo de 2016 constitúese como asociación cultural, facendo exposicións nas que aparte da pintura, comparten espazo a ilustración, as manualidades, a música, a poesía e a fotografía.

Esta peza colectiva poder visitarse na Avenida de Ferrol nº 49 (ao carón da Casa do Concello). Ver ubicación.

+ info:

ARTPO (Asociación de Artistas Ponteses)

Radio Eume

Scroll ao inicio