Presentación
As Pontes enPEZAS é un proxecto de transformación ambiental, de participación cidadá e de arte pública promovido polo Concello das Pontes de García Rodríguez. Empregando diversas técnicas e estilos artísticos trasládanse historias, lendas, oficios, personaxes, hábitats, valores e elementos que caracterizan a nosa vila aos espazos urbanos da mesma, rexenerándoos e creando pezas artísticas únicas.
A iniciativa naceu no 2017 e a finais de ano 2020 xa contaba con máis de corenta intervencións artísticas nas que se aprecian a pluralidade e diversidade de estilos e temáticas: muralismo de gran tamaño, graffiti a esprai, stencil, gif-art, fotografía, deseño gráfico, graffitis literarios, alfombrismo, tallas a madeira ou graffitis con fíos (yarn bombing).
Pero un dos principais sinais de identidade do proxecto, é a diversidade de creadores das Pezas. Contando coa colaboración de muralistas recoñecidos e comprometidos coa realidade social e cultural das Pontes, pero tamén de autores locais que inician a súa carreira profesional e da participación activa de colectivos da poboación con inquedanzas artísticas e sociais. O fin último é promover relacións humanas baseadas na cooperación, na diversidade, a convivencia e a inclusión social, ao tempo que se procura estimular habilidades artísticas e creativas na nosa comunidade.
En definitiva, As Pontes enPEZAS fai fincapé na importancia da suma e da unión de cada fragmento para construír un TODO colectivo, e resultado desa filosofía, e da implicación de centos de persoas, PEZA a PEZA conseguiuse facer da nosa vila un museo a ceo aberto para o desfrute de residentes e visitantes.
Podes comezar a túa visita virtual ao Museo enPEZAS a través desta web!! Desfrútao!!
