

MIGUEL PERALTA – CESTOLA NA CACHOLA
Conta a lenda que no Monte Caxado hai unha pena que garda dentro unha moura que sae no solsticio de verán (os actuais San Xoán ou Noite Meiga) transformada nunha galiña cos seus sete pitiños, para volver ao amencer á pena onde está encantada.
A lenda pontesa fíxose realidade grazas á PEZA do almeriense afincado en Lalín, Miguel Peralta, integrante da cooperativa cultural galega Cestola na Cachola. A través dunhas cores vivas e un deseño feiticeiro, imaxinou este relato oral na fachada dunha das rúas principais da vila, a Avenida de Galicia. A lenda, que acompaña ao pobo dende tempos inmemoriais, goza agora dun retrato no medio dun entorno natural privilexiado ao carón do río Eume, no centro histórico da vila de orixe medieval. Nela pode verse a moura transformada nunha galiña e os seus pitiños de ouro vagando entre a natureza do lugar por medio do río.
Miguel Peralta, empapouse desta lenda milenaria, que soamente lembraban os máis vellos do lugar, realizando unha interpretación dende o seu imaxinario. Ademais, tratou de estudar e analizar o entorno no que ía a integrar a súa PEZA. Entre os elementos comúns das súas obras están a natureza, a auga, a muller… O artista di querer dotar as súas obras dun compoñente misterioso e secreto para que cada unha das persoas que as vexa poidan facer a súa propia interpretación e sacar as súas conclusións.
Isto conseguiuno a través da galiña e os pitiños de ouro na que se representa unha lenda das máis antigas da cultura galega, na que participan mouras (damas encantadas da mitoloxía galaica) e a constelación das Pléiades, un dos principais indicadores astronómicos do ciclo anual que marca o comezo das actividades agrícolas e gandeiras.
A peza está na Avenida de Galicia nº 3 (a carón da ponte de Isabel II)
PARA SABER MÁIS
www.cestolanacachola.org
www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/2019/02/21/tenia-ganas-pintar-as-pontes-murales-chulos/0003_201902F21C8991.htm